Unha das premisas fundamentais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía é a mellora das súas infraestruturas, equipamentos e servizos para lograr maior competitividade portuaria e unha mellor relación Porto-Cidade.
Entre as actuacións programadas destaca a terceira fase do ferrocarril a Ferrazo, que dará continuidade ás obras realizadas entre os anos 2012 e 2016, correspondentes ás fases 1 e 2 deste proxecto, grazas ás cales foi posible dotar a todos os peiraos do porto de Vilagarcía de conexión ferroviaria propia, o que repercute positivamente na súa operatividade e competitividade, e garante unha óptima intermodalidade marítimo-ferroviaria.
Ferrocarril a Ferrazo, fase 3
A Autoridade Portuaria ten previsto licitar este ano 2023 a obra Ferrocarril a Ferrazo fase tres, financiada con fondos do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR). Esta é unha actuación xa prevista cando se redactou o proxecto inicial do Ferrocarril a Ferrazo, e que estaba pendente de executar.
A fase unha das obras do Ferrocarril a Ferrazo levou o tendido ferroviario ata os peiraos Comercial nas súas aliñacións leste e oeste, e ao peirao de Comboa. No proxecto estaba inicialmente previsto continuar o trazado polo vial de ligazón do porto e estendelo ata Ferrazo, pero finalmente optouse por realizar a conexión co peirao de Ferrazo polo peirao de Comboa, o que permitiu reducir tanto o prazo de execución da obra como o investimento previsto nesta fase dous dos traballos.
Nesta terceira fase da obra prevese realizar a actuación pendente, que é a conexión co peirao de Ferrazo polo vial de ligazón do porto, un trazado alternativo ao xa existente, de maneira que se evita a ocupación do peirao de Comboa nas operativas do paso do tren cara a Ferrazo.
A actuación programada, cun investimento total de 1,4 millóns de euros, prevé a creación dunha zona de espera e de paso de ferrocarril que se sitúe fose dos peiraos, a través dunha vía principal de 1.200 metros de longo e unha de espera de 500 metros, as cales se unirán ás xa existentes executadas na fase dúas deste proxecto (tramo correspondente ao peirao de Ferrazo).