Historia

Historia

Orixes e expansión do Porto de Vilagarcía

A orixe histórica do Porto de Vilagarcía sitúase en Carril, na primeira metade do século XIX. Ao redor do Porto vira toda a actividade da zona, estreitamente relacionada con Santiago de Compostela. Era o punto de arribada de liñas nacionais con mercadoría xeral, e buques internacionais con madeira e gañado.

A notable expansión do fluxo emigratorio, a construción do ferrocarril e o afianzamento de consignatarias impulsan a expansión do Porto de Carril e, máis tarde, motivan a súa substitución polo Porto de Vilagarcía, unha incipiente vila que en 1893 construía o seu primeiro embarcadoiro.

O Porto de Vilagarcía obtén a súa declaración de “interese xeral”, con carácter oficial, en 1888 (dez anos despois do acordo para a construción do peirao de Hierro, que se terminaría en 1890) e as grandes expectativas xeradas consolídanse definitivamente coa construción do Peirao do Ramal, froito da iniciativa privada e terminado en 1903. Foi a etapa de maior crecemento e expansión de toda a súa historia ata entón, tanto urbano como portuario.

Xa en 1911 apróbase unha primeira configuración integral do Porto, cun dique peirao de abrigo, un peirao transversal, un peirao de costa, rampla varadero, estrada de acceso e obras accesorias.

O Porto na Guerra Civil e Posguerra

Ante a escaseza de recursos propios, o Porto dependía case en exclusiva durante este período de fondos do Estado. A pesar diso, entre 1939 e 1949 póñense as bases definitivas do Porto de Vilagarcía. As obras de mellora, en especial o Peirao Comercial, están case terminadas a comezos dos anos cincuenta.
O tráfico portuario toma un novo rumbo e o ente encara a substitución do primitivo Peirao do Ramal (así denominado porque ata el chegaba o Ramal do Ferrocarril). A estrutura orixinal, de ferro e madeira, foi substituída por outra de fábrica, que se recibiu en 1954. As obras de creación do actual peirao de Pasaxeiros, en substitución do pintoresco peirao de Hierro, prolongáronse durante 20 anos e non terminaron ata 1968. A crecente afluencia de tráfico motivou unha ampliación e ensanche do peirao.

O porto moderno

A mediados da última década do pasado século, o porto de Vilagarcía comezou outra fase de ampliación das súas infraestruturas. Dese período datan o peirao de Ferrazo e o peirao de Comboa, cos que a Autoridade Portuaria puido dar resposta á necesidade de calados e liñas de atracada cada vez maiores. As obras, realizadas en fases sucesivas, culminaron coa ampliación do peirao de Ferrazo (a área na que actualmente se sitúa a terminal de contedores), que se inaugurou en 2008, e a do peirao Comercial nas súas aliñacións Norte e Oeste, oficialmente inaugurada en 2012, xunto co Posto de Inspección Fronteiriza da Autoridade Portuaria.
Estas ampliacións permitiron diferenciar claramente un porto de uso comercial e industrial, por unha banda, e un porto cidadán (na fachada urbana de Vilagarcía), por outro. O crecemento portuario cara á zona Sur posibilitou a liberación de espazos na área comprendida entre O Cavadelo e O Ramal, que se orienta a usos vinculados á interacción porto-cidade.