Sectores de actividade

Sectores de actividade

O Porto de Vilagarcía é unha plataforma loxística que axiliza e potencia a actividade industrial dun elevado número de empresas da nosa área de influencia.

O porto dispón de capacidade e experiencia no manexo de todo tipo de mercadorías: graneis sólidos, graneis líquidos e mercadoría xeral, incluída a contenerizada.

Unha característica moi salientable do tráfico do Porto de Vilagarcía é que non está especializado nunha única mercadoría ou nun único tipo de produto, senón que a súa evolución histórica dotou á propia Autoridade Portuaria e aos operadores instalados en Vilagarcía da experiencia necesaria. para acomodar e xestionar tipos de carga moi diferentes.

A diversificación do seu tráfico foi un incentivo para a adaptabilidade e flexibilidade do porto de Vilagarcía, que lle permite axustarse ao máximo ás diferentes necesidades de todos e cada un dos seus clientes.

 

Valor das mercadorías movidas polo porto de Vilagarcía

A Autoridade Portuaria leva máis dunha década realizando un estudo sobre o valor das mercadorías que se desprazan polo porto de Arousa. En 2022, o valor industrial total da mercadoría movida polo porto alcanzou un novo récord. Segundo os cálculos realizados pola Autoridade Portuaria, este valor foi de 2.214.695.922 euros.

valor mercadorias 2022

 

Mercadoría xeral convencional

Actualmente os produtos englobados na categoría de mercadoría xeral representan aproximadamente a metade dos tráficos portuarios.

Na categoría de mercadoría xeral destacan o aluminio e o taboleiro, dous produtos estreitamente vinculados á actividade industrial da área de influencia do porto arousán.

O Porto de Vilagarcía é esencial no aprovisionamento de materia prima necesaria para o desenvolvemento dun importante núcleo de empresas que se sitúan na súa hinterland e dedícanse á fabricación de compoñentes de aluminio por extrusión, cun desenvolvemento no movemento das mesmas moi fortalecido desde 2012, converténdose o porto de Vilagarcía, nun importante porto "hub" de distribución desta mercadoría para toda a península.

No caso do taboleiro, o Porto de Vilagarcía está vinculado á actividade dunha das principais empresas españolas neste sector. Polo porto non só se exportan taboleiros producidos en Galicia e que se demandan en todo o mundo, senón que tamén entran materias primas como o metanol ou a urea, utilizadas no proceso produtivo de fabricación do taboleiro.

En canto á pesca conxelada, a súa importancia radica en que este produto alimenta as liñas de produción de derivados de moluscos, mariscos e peixes que elaboran os frigoríficos situados na zona de servizo do Porto de Vilagarcía. Trátase dun produto que representa a práctica totalidade do valor das mercadorías movidas polo porto en tráfico terrestre, categoría que supuxo en 2022 aproximadamente o 9% do valor de todos os produtos que entran e saen do recinto portuario. A actividade de transformación de produtos pesqueiros é unha das principais fontes de emprego no porto de Vilagarcía.

Mercadoría xeral contenerizada

O movemento de mercadoría contenerizada supuxo nos últimos exercicios entre o 35 e o 40% de todos os tráficos de mercadoría xeral. O tráfico de contedores facilita a saída cara a Canarias de produtos feitos en Galicia e que teñen no mercado canario o seu principal destino, mediante unha liña regular con dúas escalas semanais, que une Bilbao, Santander, Vilagarcía, Portugal e as Illas Canarias, xestionada polo Grupo Boluda.

Adicionalmente e desde o verán de 2023, Nirint Shipping, empresa europea dedicada ao transporte marítimo, utiliza a terminal de contedores de Boluda no peirao de Ferrazo para conectar Vilagarcía con varios portos no Caribe (Barcadera, Willemstad, Bonaire, Santiago de Cuba, Mariel, Moa) e Canadá (Halifax).

Graneis sólidos

A través do porto de Vilagarcía tamén se abastecen importantes industrias de elaboración de pensos que se establecen no interior das comarcas centrais de Galicia.

Mercadorías relacionadas coa construción como o cemento ou a madeira son tráficos que historicamente foron relevantes no porto de Vilagarcía, aínda que nos últimos exercicios diminuíu a súa importancia no global de tráfico, debido ao ascenso doutro tipo de produtos e a diminución da actividade no sector da construción.

Un dos produtos cuxo tráfico se incrementou notablemente nos últimos anos é o cuarzo procedente de canteiras da nosa contorna e que se exporta a través dos peiraos arousáns.

Graneis líquidos

Na categoría de graneis líquidos, ademais do metanol xa mencionado destaca o tráfico de aceite para alimentación humana. Tras a realización dun importante investimento nunha planta de recepción, almacenamento e distribución deste produto no Porto de Vilagarcía, a empresa galega con sede matriz en Ourense Aceites Abril comezou a súa actividade durante 2015 de importación de aceites comestibles, engadindo así outro importante sector de actividade galego aos que o Porto de Vilagarcía dá servizo.

O porto de Vilagarcía conta tamén cunha terminal de graneis líquidos situada no peirao de Ferrazo, a cal ten no metanol o seu principal tráfico por volume de mercadoría movida.