Vilagarcía pecha o terceiro trimestre do ano con 1,1 millóns de toneladas de tráfico portuario e apunta a un final de ano en cifras récord

Vilagarcía pecha o terceiro trimestre do ano con 1,1 millóns de toneladas de tráfico portuario e apunta a un final de ano en cifras récord

O porto de Vilagarcía contabiliza nos nove primeiros meses do ano un tráfico portuario de 1.109.291 toneladas, cifra que supera nun 28% os seus rexistros do mesmo período do pasado exercicio.

Panorámica del puerto desde el muelle de Pasaxeiros

Ao remate de setembro, o porto encadea oito meses cun movemento mensual superior ás 100.000 toneladas, xa que xaneiro foi o único mes deste ano no que non se alcanzou –aínda que si se rozou- esa cifra. A diferenza no movemento acumulado de mercadorías entre xaneiro e setembro de 2021 con relación ao mesmo período do exercicio pasado é de case 245.000 toneladas. 

As cifras do pasado mes de setembro non so sostiveron, senón que reforzaron, a boa tónica de todo este exercicio, cun tráfico de 149.138 toneladas, o que supón un novo récord mensual de movemento de mercadorías. A diferenza no movemento de mercadorías entre setembro de 2020 e ao mesmo mes do pasado ano foi de máis de 47.000 toneladas, o que representa un incremento porcentual do 46% na comparativa entre os dous meses.

A distribución de tráficos está encabezada pola mercadoría xeral, da que se moveron nos nove primeiros meses do ano un total de 586.465 toneladas, un 27,6% máis que entre xaneiro e setembro de 2020. Nesta categoría destacan as subidas de taboleiro e aluminio, que incrementaron os seus tráficos un 57% e un 66%, respectivamente, con relación ao pasado exercicio. As dúas mercadorías conseguiron establecer, a falta de tres meses para que termine o exercicio, novos máximos anuais de tráficos portuarios, situándose na contorna das 180.000 toneladas a peche do terceiro trimestre do ano. No caso do taboleiro, a mercadoría cargada entre xaneiro e setembro (e que se exporta desde Vilagarcía a diversos destinos, principalmente europeos) supera lixeiramente as 179.084 toneladas contabilizadas nos 12 meses do pasado ano. No aluminio a diferenza é máis destacada, xa que o anterior récord anual –tamén do ano 2020- estaba establecido en 155.000 toneladas. Todos os produtos incluídos na categoría de mercadoría xeral melloran á conclusión de setembro os seus rexistros do mesmo período de 2020, coa excepción da pasta de papel (2.500 toneladas por baixo) e da mercadoría contenerizada. Neste caso, o descenso en toneladas foi de 7.923. O número total de TEUs movidos foi de 25.179, o que supón un descenso do 5,6%. 

Os graneis sólidos, pola súa banda, experimentan o maior incremento porcentual de todas as categorías de tráfico portuario, e acumulan nos nove primeiros meses do ano un tráfico total de 310.561 toneladas, un 31,7% máis que no mesmo período do pasado ano. Nesta categoría destacan principalmente os incrementos no movemento de cemento por instalación especial (59.413 toneladas, +36%) e cuarzo, que se sitúa á cabeza das mercadorías nesta categoría con máis de 106.000 toneladas movidas entre xaneiro e setembro, e unha subida porcentual do 28%. Tamén a urea mellora as súas cifras, do mesmo xeito que o cereal, que tras un primeiro semestre do ano por baixo dos seus rexistros de 2020, sitúase agora en positivo, cunha subida do 15,7%. Finalmente na categoría de graneis líquidos, o aceite recupera a primeira posición, por número de toneladas movidas, na distribución de tráficos portuarios, seguido moi de preto polo metanol. En porcentaxe, o maior incremento corresponde á parafina, cunha subida do 71% con relación aos nove primeiros meses do pasado ano. O total de toneladas movidas nesta categoría ascende a 212.265, o que supón un incremento porcentual do 25,5% con relación ao período xaneiro-setembro de 2020. 

Na comparativa co sistema portuario estatal, e a peche de agosto (último mes do que se dispón de datos globais) o porto de Vilagarcía sitúase como o cuarto con maior crecemento dos seus tráficos, en porcentaxe, só detrás de Málaga, Almería e Pasaia. As cifras do porto de Vilagarcía melloran a media do sistema tanto na categoría de graneis sólidos como nos graneis líquidos e mercadoría xeral. 

O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, sinala que “terminamos o terceiro trimestre do ano con cifras moi positivas, xa que non só estamos a mellorar os nosos rexistros de 2020, senón tamén os de 2019, ano no que o noso porto estableceu o seu actual récord de movemento anual de mercadorías. A día de hoxe, estamos aproximadamente 120.000 toneladas por encima das nosas cifras de setembro de 2019, o que nos permite albergar excelentes expectativas con relación ao peche deste ano". O presidente destacou que a gran maioría de sectores de actividade presentes no porto arousán están a mostrar unha evolución positiva dos seus tráficos neste ano, e valorou moi positivamente o "labor de toda a comunidade portuaria ao servizo das empresas da nosa contorna, xa que a súa iniciativa e compromiso son imprescindibles para a boa marcha do porto, e para poder seguir contribuíndo á competitividade das empresas da nosa zona de influencia". 

Porto de Vilagarcía, 18 de outubro de 2021. 
 

O porto de Vilaxoán acolle este domingo a décimo sexta edición da bandeira de bateis Porto de Vilagarcía

A proba, na que participarán uns 500 deportistas, foi presentada esta mañá nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vilagarcía

Operativas en el muelle Comercial

O Porto de Vilagarcía pecha o mellor exercicio da súa historia e fixa un record de tráfico portuario ao mover 1.552.474 toneladas en 2023

Na comparación con 2022, o peche de 2023 amosa un aumento en total de tráfico portuario de aproximadamente 55.000 toneladas, o que equivale a un incremento porcentual do 3,6%. 

Vista del muelle Comercial desde O Centenario

O Porto supera os 1,5 millóns de toneladas e pechará o  ano cun novo récord de tráficos portuarios

Os bos resultados de decembro permitirán mellorar os registros de 2022