O Porto inicia os trámites para a venda da parcela do Ramal e aproba un convenio co Concello para a antiga Comandancia

O Porto inicia os trámites para a venda da parcela do Ramal e aproba un convenio co Concello para a antiga Comandancia

O obxectivo do convenio é permitir a construción dun novo centro de saúde mediante a cesión á Consellería de Sanidade, por parte do Concello, da antiga Comandancia

El presidente del la Autoridad Portuaria y miembros del Consejo al comienzo de la sesión

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria, reunido o 21 de outubro en sesión presencial, aprobou comezar o procedemento para que a parcela da Concha-O Ramal que pertence ao patrimonio da Autoridade Portuaria poida ser vendida ao Concello de Vilagarcía. 

A mencionada parcela, situada no extremo norte da zona de servizo portuaria, xunto ao peirao do Ramal, ten unha superficie de 6.829,50 m2. Estes terreos foron desafectados (é dicir, deixaron de formar parte do dominio público portuario, pasando a incorporarse ao patrimonio da Autoridade Portuaria) por orde do 6 de outubro de 2015, do Ministerio de Fomento. 
O feito de que a parcela xa non sexa terreo portuario permite á Autoridade Portuaria o seu alleamento por adxudicación directa (é dicir, a súa venda directa) a outra administración pública, neste caso, o Concello de Vilagarcía. 

O acordo adoptado polo Consello inclúe tres actuacións: incoar o procedemento de alleamento directo ao Concello de Vilagarcía da parcela do Ramal; aprobar a taxación por valor de 1.886.120,46 €; e remitir o acordo a Portos do Estado para a súa comunicación ao director xeral do Patrimonio do Estado, tal e como prevé a lexislación aplicable.

O Consello tamén adoptou na mesma sesión diversos acordos en relación co protocolo de colaboración asinado o pasado 30 de xullo entre o Servizo Galego de Saúde, o Concello de Vilagarcía de Arousa e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no Concello de Vilagarcía. 

En primeiro lugar, e para posibilitar a cesión da parcela da antiga comandancia ao Concello no menor prazo posible, os membros do Consello deron o seu visto e prace á proposta de aprobación do convenio entre a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e o Concello de Vilagarcía para a utilización da parcela da antiga Comandancia por parte do Concello. 

O convenio autoriza ao Concello de Vilagarcía a utilización da parcela de 4.682 m2 situada na Avenida da Mariña, na confluencia coa rúa Elpidio Villaverde, con destino a centro de saúde. Tamén se autoriza ao Concello a demoler as edificacións actualmente existentes na parcela para que posteriormente o Servizo Galego de Saúde constrúa un novo edificio. O documento establece que o Concello ocupará a parcela durante un prazo de 50 anos, a partir da data de firma do convenio. 

De acordo coa lexislación vixente, establécese unha bonificación do 50% na taxa de ocupación que debería abonar o concesionario, ao ser este unha administración pública e ser o obxecto da concesión actividades de interese social ou cultural. Coa bonificación xa aplicada, a taxa anual a abonar por parte do Concello, en concepto de ocupación, queda establecida en 41.707,20 euros, máis 6.848,12 euros en concepto de taxa de actividade. 

Outro dos acordos adoptados supón o comezo dos trámites para a desafectación desa mesma parcela, de maneira que cando esta se produza, o Concello deixará de abonar un canon anual e poderá adquirir eses terreos. Os membros do Consello aprobaron declarar a innecesariedade da parcela onde se atopa o edificio da antiga Comandancia de Mariña, para o seu posterior alleamento. Este é o primeiro paso para poder proceder á desafectación da parcela, trámite que debe formalizar o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Unha vez este trámite se complete, e de acordo co protocolo a tres bandas asinado o pasado mes de xullo, o Concello abordará a compra deses terreos á Autoridade Portuaria e a súa posterior cesión ao SERGAS para continuar sendo destinada a Centro de Saúde. O valor da parcela, de acordo cun informe dunha empresa taxadora independente, establécese en 1.157.406,66 €. 

Convenio de mantemento 

Por outra banda, na súa intervención ante os membros do Consello o presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, comunicoulles que se está traballando co Concello de Vilagarcía para a firma dun convenio de colaboración (independente do aprobado nesa mesa sesión polos membros do Consello). 

Este convenio, pendente do peche dalgúns detalles para a súa firma, abordará o mantemento de zonas verdes de titularidade portuaria abertas ao uso público, así como a tramitación do Plan Especial do Porto que debe realizar o Concello coa finalidade de incorporar este documento os terreos xerados mediante ampliacións portuarias nos actuais peiraos Comercial e de Ferrazo, incluídos no DEUP. 

O presidente explicou que “a colaboración no mantemento das zonas verdes do porto que son de uso público xa estaba contemplada nun anterior convenio; o que agora propoñemos é ampliar o seu alcance, dado que o número destes espazos incrementouse nos últimos anos, e é preciso darlle cobertura ao seu mantemento mediante un acordo entre ambas as institucións”. 

Ademais, José Manuel Cores Tourís informou os membros do Consello da evolución de tráficos portuarios ata o mes de setembro, que cualificou de moi positiva, e sobre a reactivación do tráfico de cruceiros, con tres escalas neste mes de outubro despois da paralización debido á pandemia do COVID. 

Porto de Vilagarcía, 21 de outubro de 2021. 

Operativas en el muelle Comercial

O Porto de Vilagarcía pecha o mellor exercicio da súa historia e fixa un record de tráfico portuario ao mover 1.552.474 toneladas en 2023

Na comparación con 2022, o peche de 2023 amosa un aumento en total de tráfico portuario de aproximadamente 55.000 toneladas, o que equivale a un incremento porcentual do 3,6%. 

Vista del muelle Comercial desde O Centenario

O Porto supera os 1,5 millóns de toneladas e pechará o  ano cun novo récord de tráficos portuarios

Os bos resultados de decembro permitirán mellorar os registros de 2022

O Porto dá o seu visto e prace ao proxecto de Turismo de Galicia para a execución da mellora do Faro de Sálvora

Aprobouse tamén un proxecto para mellora das naves do Ramal que ten en concesión a Organización Empresarial Parquistas de Carril