XV Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía celébrase este sábado en augas de Vilaxoán

XV Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía celébrase este sábado en augas de Vilaxoán

O Club de Remo Vilaxoán, organizador da proba, prevé a participación dunhas 500 persoas nesta oitava proba do calendario de bateis

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación da bandeira de bateis “Porto de Vilagarcía”, que alcanza este ano a súa décimo quinta edición. A competición celebrarase este sábado, día 18 de marzo, desde as catro da tarde, en augas de Vilaxoán. 

A bandeira de bateis “Porto de Vilagarcía”, constará de 12 regatas, nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, sub23 e absoluto, tanto en modalidade masculina como feminina. Os clubs que obteñan mellor resultado no cómputo global de cada modalidade recibirán as correspondentes bandeiras. 

Rogelio Tarrío, presidente do Club de Remo Vilaxoán -que organiza o evento-, destacou que na proba competirán un total de 12 clubs da provincia de Pontevedra, o que sumando as diferentes categorías supón a participación dunhas 500 persoas, aproximadamente. 

Tarrío agradeceu a colaboración tanto da Autoridade Portuaria como do Concello de Vilagarcía no desenvolvemento do evento, que está incluído no calendario de bateis como a oitava proba desta tempada. 

O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, destacou que “nos enorgullecemos de que esta importante proba leve o nome do porto de Vilagarcía”, como parte do compromiso da Autoridade Portuaria co deporte basee e o deporte vinculado ao mar. Cores Tourís engadiu que esta faceta da Autoridade Portuaria enmárcase “no noso propósito de estar sempre á beira da cidade e da comarca, contribuíndo ao seu desenvolvemento non só económico senón tamén social”. 

Pola súa banda o concelleiro José María González, que asistiu ao acto en representación do Concello de Vilagarcía, expresou a súa satisfacción porque “Vilagarcía sexa novamente escenario de probas en categoría basee e absoluta, despois dun ano sen competición” e manifestou a disposición da administración local para colaborar co club tanto no desenvolvemento deste evento como na súa actividade do día a día. 

Porto de Vilagarcía, 16 de marzo de 2023. 

O Porto dá o seu visto e prace ao proxecto de Turismo de Galicia para a execución da mellora do Faro de Sálvora

Aprobouse tamén un proxecto para mellora das naves do Ramal que ten en concesión a Organización Empresarial Parquistas de Carril

O Porto recibe a visita de xubilados e de alumnos do ciclo de Transporte e Loxística, e do ciclo superior de Xestión de Vendas

As visitas permiten aos participantes coñecer o funcionamento do porto mediante unha presentación e un percorrido en autocar polo recinto portuario

O Porto bate o seu récord de tráficos a peche do terceiro trimestre do ano, con máis de 1,1 millóns de toneladas

Mellóranse nun 0,5% os resultados do mesmo periodo do pasado exercicio