A nao Victoria, réplica da embarcación protagonista da primeira volta ao mundo, pode visitarse en Vilagarcía dende hoxe e ata o martes

A nao Victoria, réplica da embarcación protagonista da primeira volta ao mundo, pode visitarse en Vilagarcía dende hoxe e ata o martes

A escala, primeira que este buque realiza no porto arousáns, enmárcase na gran xira que está a realizar por distintos portos de España e Europa con motivo do V Centenario da Primeira Volta ao Mundo

Desde hoxe e ata o martes día 16 de agosto, a nao Vitoria, atracada no peirao pantalán da dársena 2, fronte ao parque do Centenario, permite a vilagarciáns e visitantes achegarse a unha das maiores xestas na historia da navegación, a expedición de Magallanes-Elcano.

A Fundación Nao Vitoria, responsable da xestión desta embarcación, posibilita durante a estancia do buque en Vilagarcía a realización de visitas por parte do público en xeral, cun prezo de cinco euros para adultos, tres euros para nenos de entre 5 e 10 anos, e trece euros para familias (dous adultos e ata tres nenos de entre 5 e 10 anos). Os tickets poden adquirirse no propio barco ou na web: tickets.naovictoria.org.

Durante a súa escala en porto, o público poderá subir a bordo do barco, percorrer as súas cubertas, descubrir a súa manobra e sistema de goberno e, por suposto, coñecer a historia da volta ao mundo da “Armada da Especiería”, unha expedición de cinco barcos e 243 tripulantes baixo o mando de Fernando de Magallanes -e trala morte deste, de Juan Sebastián Elcano-, a cal foi financiada pola coroa española co obxectivo de abrir un roteiro que, navegando cara ao oeste, conseguise alcanzar as illas das especias: as Molucas (na actual Indonesia). Como mostra da dureza desta travesía, cabe sinalar só una das cinco embarcacións que partiron de Sanlúcar de Barrameda o 20 de setembro de 1519 conseguiu completar este percorrido, arribando ao mesmo porto de Sanlúcar case tres anos despois e con 18 homes a bordo, sendo a protagonista desta fazaña precisamente a nao Vitoria.

Con ocasión da súa escala no porto de Vilagarcía, esta mañá tivo lugar un percorrido guiado polo buque o cal serviu como presentación para medios de comunicación e autoridades locais e que contou entre outros asistentes co responsable do departamento Comercial da Autoridade Portuaria, Alfonso González Gallego, o concelleiro de Turismo Álvaro Carou, e o capitán marítimo de Vilagarcía, Juan Andrés Pérez, os cales tiveron ocasión de descubrir, grazas ás explicacións do persoal do barco, o modo de vida de oficiais e tripulación, ademais de detalles técnicos da construción do esta fiel réplica da embarcación orixinal (realizada con motivo da Exposición Universal de Sevilla en 1992).

Porto de Vilagarcía, 12 de agosto de 2022

O porto de Vilagarcía organiza o XXVI campionato interportos de fútbol-sala

A competición disputarase entre este xoves e o sábado, coa participación de 25 equipos

O porto de Vilagarcía establece novos máximos de tráfico portuario no mes de xuño e no global do primeiro semestre do ano 

Rózanse as 164.000 toneladas de mercadoría movida no mes de xuño, mentres que a primeira metade do ano péchase con case 800.000 toneladas 

A terminal de contenedores de Boluda en Ferrazo amplía os seus servizos ao recibir como cliente a Nirint Shipping

O servizo, que se suma ás conexións marítimas que xa ofrece a propia Boluda, conectará Vilagarcía con varios portos no Caribe e Canadá