O Porto de Vilagarcía combina a súa actividade loxística e comercial coa chegada de cruceiros. E é que este porto converteuse, pola súa inmellorable localización xeográfica, nun punto neurálxico desde onde descubrir Galicia, as Rías Baixas, a comarca do Salnés e Santiago de Compostela.
O Porto de Vilagarcía ofrece un servizo de calidade a navieiras e visitantes, así como un amplo abano de actividades a realizar durante a súa estadía.
Unha contorna privilexiada
A ría de Arousa é sinónimo de excelencia no cultivo do mexillón. É o maior produtor e comercializador deste produto no mundo e conta cun certificado de calidade único: a DOP Mexillón de Galicia. As bateas son un dos elementos máis característicos da paisaxe desta ría, e adoitan atraer a atención dos cruceiristas na súa travesía pola ría, antes de acceder ao porto.
Vilagarcía, e por extensión toda a comarca do Salnés, teñen numerosos atractivos que ofrecer, tanto desde o punto de vista paisaxístico como arquitectónico, cultural ou gastronómico, e en cada unha das súas vilas o visitante poderá descubrir recunchos únicos que fagan a súa estancia inesquecible.
Unha vez en terra, ao cruceirista non lle faltan alternativas para gozar da súa estancia. En Vilagarcía e na súa contorna inmediata concéntrase unha ampla e diversificada oferta de lecer e tempo libre. Desde visitas guiadas a adegas con posibilidade de catas de viños da zona, práctica de golf, mergullo ou deportes náuticos, roteiros de sendeirismo, visitas a monumentos e espazos naturais, grandes pazos, praias ou a mellor gastronomía das Rías Baixas, co peixe e o marisco como grandes atractivos.
Desprazamento do viaxeiro
As escalas de cruceiros de menor tamaño realízanse no peirao do Ramal, mentres que os buques con maior calado ou eslora utilizan algún dos peiraos da zona sur do recinto portuario (Ferrazo, Comercial O, Comercial N ou Comboa).
O cruceirista do Porto de Vilagarcía dispón dun servizo lanzadeira gratuíto que conecta o peirao de atracada coa cidade. Existen outras alternativas como o taxi ou o traxecto a pé, especialmente atractivo para os cruceiros que atracan no Ramal dado que o peirao está integrado no centro urbano e a distancia é realmente escasa.
Outra opción é tomar parte nalgunhas das excursións ofertadas no paquete vacacional. Santiago de Compostela é sen dúbida, o destino máis demandado, e pasear polo seu famoso casco antigo para visitar a súa catedral é un dos reclamos máis atractivos. O Porto arousán é o máis próximo á capital galega e a súa conexión, tanto por carreta como por tren. é directa, cómoda e rápida.
Promoción do destino
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía pertence á asociación Cruise Europe, cuxa misión é desenvolver, promover e fomentar relacións sostibles entre os seus membros e as liñas de cruceiro.
A organización conta con 124 portos asociados dun total de vinte países en catro ámbitos xeográficos diferenciados: a Europa Atlántica; Reino Unido e Irlanda; o Báltico; e Noruega, Islandia e as Illas Feroe.
A Autoridade Portuaria tamén acode habitualmente a eventos de ámbito nacional ou europeo relacionados coa industria crucerística para a súa promoción como destino non masificado, acolledor, experimentado na atención ao turista e orientado cara a buques de pequeno e mediano tamaño que buscan ofrecer aos seus pasaxeiros unha experiencia enfocada nos atractivos turísticos do destino.