O porto de Vilagarcía supera xa os seus tráficos de 2024 a falta dun mes para pechar o ano
Todo apunta a que se conseguirá pasar novamente a cifra de 1,5 millóns de toneladas de mercadoría á conclusión do exercicio
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía pechou o mes de novembro superando xa a súa cifra de tráficos portuarios do pasado exercicio. O movemento de mercadorías acumulado nos once primeiros meses do ano ascendeu a 1.421.075 toneladas, mentres que o ano 2024 pechouse cun tráfico total de 1.409.823 toneladas. O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, deu traslado deste balance provisional de tráficos aos membros do Consello de Administración da Autoridade Portuaria na sesión celebrada esta mañá. A falta dun mes para acabar o ano 2025, “parece claro que superaremos novamente a cifra de 1,5 millóns de toneladas movidas a peche do exercicio”, apuntou Cores Tourís.
Por categorías, mantense a tónica que vén caracterizando o exercicio desde o seu comezo: unha subida destacable nas categorías de mercadoría xeral e sobre todo, dos graneis líquidos; e unha lixeira caída nos graneis sólidos.
Na categoría de mercadoría xeral, movéronse ata o 30 de novembro 747.017 toneladas, das cales 282.303 corresponden aos contedores. É moi destacable o bo comportamento da mercadoría contenerizada, xa que se contabilizan provisionalmente, a peche de novembro, un total de 34.147 TEUs movidos, o que supón un incremento porcentual de máis do 15% con relación ao ano anterior, e a mellor cifra no acumulado dos 11 primeiros meses do ano desde o 2019.
Nesta categoría destacan tamén as cifras da primeira liña Ro-Ro do noso porto. Trátase dun servizo semanal que conecta Vilagarcía con Róterdam e que achega máis de 140.000 toneladas á estatística portuaria en só seis meses, xa que comezou a funcionar a finais de maio. O aluminio é o principal produto movido a través deste servizo Ro-ro.
En canto a outros produtos encadrados nesta categoría de mercadoría xeral, o taboleiro –producido en Galicia e exportado desde Vilagarcía a varios destinos europeos- atópase en cifras moi similares ás do mesmo período do pasado ano.
Nos graneis sólidos movéronse 356.115 toneladas, un 6,6 % menos que no mesmo período do pasado ano. Nesta categoría soben tanto o cemento (72.896 toneladas, + 9,87 %) como os produtos encadrados baixo o epígrafe “outros graneis sólidos”, que achegan 37.386 toneladas, fronte ás 8.584 toneladas do mesmo período do ano pasado. Pola contra, descenderon os tráficos de urea, cuarzo e cereais, aínda que este produto mantense á cabeza na desagregación de mercadorías desta categoría, con máis de 100.000 toneladas.
Finalmente na categoría de graneis líquidos contabilízanse un total de 317.943 toneladas, cun incremento do 30% con relación ao mesmo período do pasado ano. Todos os produtos encadrados nesta categoría, coa excepción da parafina, melloran os seus rexistros con relación a 2024, e o aceite, primeiro produto neste apartado por número de toneladas movidas, roza xa o total de tráficos co que pechou o pasado exercicio.
Na distribución de tráficos portuarios, a mercadoría xeral supón ata novembro o 52,6% de todo o movemento de mercadorías do porto de Vilagarcía; os graneis sólidos representan un 25% do total, e os graneis líquidos, o 22,4%. Con relación ao ano pasado, a mercadoría xeral continúa representando máis da metade de todos os tráficos portuarios, pero aumenta lixeiramente o peso dos graneis líquidos nesta distribución, mentres que diminúe o dos graneis sólidos.
Por outra banda, os membros do Consello aprobaron na sesión desta mañá o proxecto de Plan de Empresa da Autoridade Portuaria para 2026, que inclúe o plan de investimentos para os próximos anos así como os coeficientes correctores das taxas portuarias, entre outros apartados.
Igualmente, o Consello deu o seu visto e prace a unha prórroga no prazo de execución da obra do ferrocarril a Ferrazo, fase 3. Coa ampliación do prazo, os traballos deberán estar terminados en xuño do próximo ano.
Porto de Vilagarcía, 3 de decembro de 2025.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visita a Autoridade Portuaria de Vilagarcía
O encontro enmárcase na rolda de reunións que a titular da carteira de Mar está a realizar cos máximos responsables das diferentes Autoridades Portuarias
Alleamento mediante adxudicación directa do buque Doctor Pintado
Resolución do presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía pola que se inicia o procedemento para o alleamento por adxudicación directa do buque Doctor Pintado
Alleamento mediante pública poxa do buque Doutor Pintado
Resolución do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa de 31 de xullo de 2025, pola que se acordou declarar abandonado un buque tipo remolcador con nome Doctor Pintado
Pagination
- Previous page
- Page 3
- Páxina Seguinte
