O Porto de Vilagarcía roza a peche do exercicio o seu récord histórico de movemento de mercadorías e supera os 1,5 millóns de toneladas
O tráfico portuario total ascendeu a 1.547.965 toneladas, o que supón un incremento do 9,4% con relación ao ano 2024. Destacan as subidas nas categorías de mercadoríía xeral e graneis líquidos.
O Porto de Vilagarcía acaba de pechar o segundo mellor exercicio da súa historia, cun tráfico portuario de1.547.965 toneladas en 2025, só 5.000 toneladas por baixo do seu récord, establecido en 2023. Con relación ao pasado ano, o incremento de tráficos portuarios foi do 9,4%, grazas sobre todo aos incrementos nas categorías de graneis líquidos e mercadoría xeral.
Por categorías, a maior subida rexístrase no apartado de mercadoría xeral, onde os tráficos aumentaron un 17,4% con relación ao ano 2024, alcanzando un total de 832.190 t. Esta é a mellor cifra no movemento de mercadoría xeral de toda a historia do porto arousán, superando en máis de 25.000 toneladas o seu anterior máximo da categoría, do ano 2021. É tamén a segunda ocasión na que o porto arousán move máis de 800.000 toneladas de mercadoría xeral nun ano, grazas sobre todo á mercadoría contenerizada e o tráfico ro-ro.
Nos contedores, movéronse un total de 38.484 TEUs, cun aumento do 16,9% con relación a 2024. É o segundo mellor rexistro do porto arousán en movemento de TEUs nun ano -só por detrás de 2019, ano no que se superaron os 41.000 TEUs-. En toneladas, o movemento de contedores achega 322.898 toneladas ao balance de tráficos de 2025.
En canto ao tráfico ro-ro, que debutou no porto de Vilagarcía en 2025, achega outras 167.721 toneladas a este balance anual. Trátase dunha cifra moi destacada, considerando que a primeira operativa regular deste servizo ro-ro tivo lugar na finais de maio. Este servizo, que conecta Vilagarcía co porto de Róterdam, ten periodicidade semanal, con escalas todos os martes no porto arousán. O “Roteiro Ibérico” posto en marcha por P&J Carrasco, DFDS e Norsk Hydro ten no aluminio a súa principal mercadoría, pero está aberta a outros tipos de carga. Ao aluminio movido por esta vía debe sumárselle as descargas efectuadas no primeiros cinco meses do ano, cando aínda non se puxo en marcha o servizo ro-ro.
Finalmente o taboleiro, outro destacado produto entre os encadrados na mercadoría xeral, mantense en cifras moi similares ás do pasado ano.
En segundo lugar na repartición de tráficos portuarios sitúanse os graneis sólidos, contabilizándose 384.203 toneladas. Con relación ao ano 2024, rexístrase un descenso do 6,8%. Nesta categoría destacan os incrementos no movemento de cemento (+7,5%) e urea (+2,2%), así como dos produtos encadrados na categoría doutros graneis sólidos. O primeiro posto nesta categoría corresponde ao cereal, do que se moveron máis de 100.000 toneladas, aínda que pecha o ano por baixo dos seus rexistros de 2024.
En canto aos graneis líquidos, pechan o ano cun total de 323.844 toneladas e unha subida do 13,1% con relación ao ano inmediatamente anterior. A pesar dos descensos no tráfico de metanol e parafina, a subida dos restantes produtos encadrados nesta categoría permite pechar o ano en positivo, co aceite como primeiro produto por número de toneladas movidas e mellorando lixeiramente as súas cifras de 2024.
Na distribución de tráficos portuarios, a mercadoría xeral supón o 54% de todo o movemento de mercadorías do porto de Vilagarcía; os graneis sólidos representan un 25% do total, e os graneis líquidos, o 21%. Con relación ao ano 2024, increméntase o peso da mercadoría xeral na repartición de tráficos portuarios, e diminúe a diferenza entre os volumes de graneis sólidos e graneis líquidos movidos polo porto arousán.
O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, valorou moi positivamente estes resultados, destacando que “a pesar da incerteza no ámbito internacional, pechamos un ano excelente, o segundo mellor da nosa historia”. O presidente destacou sobre todo o incremento na mercadoría contenerizada e as excelentes cifras do tráfico por ro-ro no primeiro ano de funcionamento deste servizo regular desde Vilagarcía. Cores Tourís agradeceu o compromiso do persoal da Autoridade Portuaria e de todas as empresas que integran a comunidade portuaria para facer do porto de Vilagarcía un nodo loxístico cada vez máis áxil, eficiente e sostible, engadindo que “sen o esforzo e dinamismo de todas as persoas que traballan en ou para o porto, estas cifras non serían posibles”.
Porto de Vilagarcía, 23 de xaneiro de 2026.
O Porto de Vilagarcía roza a peche do exercicio o seu récord histórico de movemento de mercadorías e supera os 1,5 millóns de toneladas
O tráfico portuario total ascendeu a 1.547.965 toneladas, o que supón un incremento do 9,4% con relación ao ano 2024. Destacan as subidas nas categorías de mercadoríía xeral e graneis líquidos.
O porto de Vilagarcía supera xa os seus tráficos de 2024 a falta dun mes para pechar o ano
Todo apunta a que se conseguirá pasar novamente a cifra de 1,5 millóns de toneladas de mercadoría á conclusión do exercicio
O porto de Vilagarcía recibe hoxe a escala do cruceiro “Amadea”
O buque, con 461 pasaxeiros a bordo, arribou a Vilagarcía ás 13.00 horas e a súa saída está prevista para as 20.00 horas
Pagination
- Page 1
- Páxina Seguinte
