Os tráficos portuarios soben en xullo en Vilagarcía un 23%, e o incremento acumulado en 2021 alcanza o 31%

Os tráficos portuarios soben en xullo en Vilagarcía un 23%, e o incremento acumulado en 2021 alcanza o 31%

Os incrementos nas categorías de mercadoría xeral e graneis sólidos  aproxímanse ao 40%, cos graneis líquidos tamén en positivo

O Porto de Vilagarcía acaba de pechar o mes de xullo cun incremento dos seus tráficos de 200.000 toneladas con relación ao mesmo período do pasado ano. No total de tráfico portuario, os sete primeiros meses do exercicio péchanse cun total de 845.355 toneladas movidas, mentres que entre xaneiro e xullo de 2020 contabilizáronse 644.974 toneladas de tráfico portuario. En porcentaxe, a subida é do 31%.

Por categorías, tanto a mercadoría xeral como os graneis sólidos experimentan subidas próximas ao 40%; os graneis líquidos pechan tamén en positivo, cun incremento acumulado do 2,67%. 

Na mercadoría xeral, o maior incremento porcentual corresponde ao aluminio, que practicamente duplica os seus rexistros do pasado ano contabilizándose máis 150.000 toneladas, mentres que o taboleiro sobe case un 80% e achega 143.103 toneladas a esta categoría. En canto aos contedores, sitúanse con 167.769 toneladas como o produto con maior peso na categoría de mercadoría xeral. En TEUs, movéronse un total de 19.208, o que supón un 5,8% menos que nos sete primeiros meses do pasado ano. Globalmente, a mercadoría xeral sobe un 39,37% e continúa en cifras récord no porto de Vilagarcía. 

Na categoría de graneis sólidos, só os cereais están lixeiramente por baixo da súa cifras de 2020, cun descenso do 12% e un total de 26.523 toneladas. Con todo, os excelentes resultados noutros produtos desta mesma categoría posibilitan un peche claramente en positivo do período xaneiro-xullo. Así, o cuarzo achega 83.061 toneladas (+51,7%), a urea, 62.535 t (+42,3%) e o cemento máis de 40.000 toneladas (+19,9%). O incremento porcentual nesta categoría é do 37,88%. 

Finalmente, na categoría dos graneis líquidos, o metanol encabeza o balance de tráficos nos sete primeiros meses do ano, con case 54.500 toneladas e unha subida do 43,5% con relación ao ano anterior. As súas boas cifras, xunto coas da parafina, cuxos tráficos se incrementan case un 90%, permiten compensar o descenso no movemento de aceite e pechar os sete primeiros meses do ano en positivo, cunha lixeira subida do 2,67%. 

As 469.010 toneladas contabilizadas no capítulo da mercadoría xeral supoñen ao remate do mes de xullo o 55,8% do total de mercadorías, mentres que os graneis sólidos achegan a este cómputo o 26,8% do total de toneladas e os graneis líquidos, o 17,4% restante. 

Rexistros de xullo 
En canto ás estatísticas do mes de xullo, movéronse un total de 114.169 toneladas, o que supón un 23% máis que no mesmo mes do pasado exercicio. Desta cantidade, 69.696 toneladas corresponden á mercadoría xeral, mentres que nos graneis sólidos contabilízanse 25.486 toneladas e nos graneis líquidos rózanse as 19.000 toneladas. Con este peche do mes, o porto de Vilagarcía encadea sete meses de subida de tráficos, superando as 100.000 toneladas en todos os meses deste ano salvo en xaneiro. 

Outro dato reseñable é que a estatística provisional a peche de xullo non só mellora os datos de 2020, senón tamén os de 2019, ano no que o porto de Vilagarcía estableceu o seu actual record anual de tráficos portuarios. A diferenza acumulada ao 31 de xullo de 2021 fronte a mesma data de 2019 no total de tráfico portuario achégase ás 90.000 toneladas. 

O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, sinala que “as mercadorías máis destacadas no noso balance de tráficos están a ter en xeral un comportamento moi positivo, con incrementos de tráficos sostidos ao longo do ano, e con cifras récord en varias categorías”. O presidente destacou a importancia do labor de toda a comunidade portuaria para estes excelentes datos, “que poñen de manifesto a relevancia da actividade do noso porto para toda a nosa área de influencia e os seus sectores produtivos”. 

Porto de Vilagarcía, 6 de agosto de 2021. 

Operativas en el muelle Comercial

O Porto de Vilagarcía pecha o mellor exercicio da súa historia e fixa un record de tráfico portuario ao mover 1.552.474 toneladas en 2023

Na comparación con 2022, o peche de 2023 amosa un aumento en total de tráfico portuario de aproximadamente 55.000 toneladas, o que equivale a un incremento porcentual do 3,6%. 

Vista del muelle Comercial desde O Centenario

O Porto supera os 1,5 millóns de toneladas e pechará o  ano cun novo récord de tráficos portuarios

Os bos resultados de decembro permitirán mellorar os registros de 2022

O Porto dá o seu visto e prace ao proxecto de Turismo de Galicia para a execución da mellora do Faro de Sálvora

Aprobouse tamén un proxecto para mellora das naves do Ramal que ten en concesión a Organización Empresarial Parquistas de Carril