A Autoridade Portuaria de Vilagarcía pechou o exercicio 2021 cun récord histórico de tráficos portuarios. Estes alcanzaron a cifra de 1.509.778 toneladas, case 200.000 toneladas por encima do anterior récord, establecido en 2019. Desta maneira, cumprironse as excelentes expectativas para o peche do exercicio ás que viñan apuntando todas as cifras desde o comezo do ano. As cifras sitúan a Vilagarcía como a Autoridade Portuaria co segundo maior incremento porcentual dos seus tráficos das 28 que compoñen o sistema portuario estatal, ademais de situarse no top 5, pola subida porcentual dos seus tráficos, nas tres categorías de tráficos portuarios: graneis sólidos, graneis líquidos, e mercadoría xeral. O incremento porcentual dos tráficos contabilizados en 2021 con relación a 2020 é do 24,7%.
Vilagarcía tivo, ao remate do ano 2021, un dos maiores incrementos porcentuais dos seus tráficos das 28 Autoridades Portuarias que compoñen o sistema portuario estatal. Foi segunda en porcentaxe de crecemento do movemento de mercancías consideradas de xeito conxuto, e situouse entre os cinco portos que mais medraron, en cifras relativas, tanto na categoría de graneis sólidos coma nos graneis líquidos e a mercadoría xeral.
Na categoría de graneis sólidos, aínda que non se establece un máximo anual, si se melloran amplamente as cifras de 2020, cunha subida do 35,7%, achegando 425.965 toneladas ao balance anual de tráficos portuarios. Un dato salientable é que todos os produtos incluídos nesta categoría ven incrementados os seus rexistros con relación ao exercicio inmediatamente anterior. A subida máis destacada corresponde ao cuarzo, que cun incremento porcentual do 52,9%, supera as 144.000 toneladas, o que supón un novo récord anual para este produto no porto de Vilagarcía. O segundo produto por número de toneladas movidas nesta categoría é a urea, da que se contabilizan 109.550 toneladas. Pola súa banda o cemento, con case 78.500 toneladas movidas, marca os seus mellores datos da última década.
No apartado de graneis líquidos, o total anual sitúase nas 271.958 toneladas, o mellor resultado nesta categoría desde o ano 2008. O incremento porcentual con relación ao ano anterior é do 16,5%. Nesta categoría destacan as cifras do aceite, que por primeira vez desde a entrada en funcionamento da terminal de Aceites Abril no noso porto, consegue superar a cifra de 100.000 toneladas descargadas nun ano. A parafina, que achega 19.500 toneladas a esta estatística, tamén marca as mellores cifras da súa historia, mentres que o metanol establece o seu mellor rexistro desde o ano 2014.
Recuperación do tráfico de cruceiros
Ás cifras asociadas ao movemento dos diferentes tipos de mercadoría hai que engadirlle as correspondentes ao avituallamento, que achega 7.778 toneladas, un 48,1% máis que no ano anterior, e a cifra máis alta dos últimos 10 anos.
En canto ao tráfico de cruceiros, o exercicio pechouse con catro escalas, todas elas en outubro, e un total de 2.876 persoas que desembarcaron no porto de Vilagarcía, das cales 1.166 foron pasaxeiros, e a cantidade restante, tripulación. A chegada de cruceiros neste exercicio supuxo a reactivación dun tráfico que o pasado ano non chegou a rexistrar ningunha escala no noso porto, debido ás restricións asociadas á pandemia do COVID-19.