Pero a ría de Arousa é, ademais, unha fonte de emprego e riqueza para os veciños de moitas poboacións das súas dúas marxes, que atopan na explotación dos seus recursos -a través da pesca, o marisqueo ou a acuicultura- a súa principal fonte de ingresos. As bateas, utilizadas para o cultivo do mexillón, son un dos elementos máis característicos da paisaxe desta ría. Ao crucerista, unha vez en terra, non lle faltarán alternativas para gozar da súa estancia. En Vilagarcía ou na súa contorna inmediata concéntrase unha oferta de actividades de lecer e tempo libre extensa e variada: visitas a adegas, compras, deportes como o golf ou o mergullo, rutas de sendeirismo, monumentos, espazos naturais, praias, pazos, gastronomía ...
Outra opción é tomar parte nalgunhas das excursións ofertadas no paquete vacacional. Santiago de Compostela é sen dúbida, o destino máis demandado, e pasear pola súa zona vella e visitar a súa catedral son dúas das actividades preferidas polos cruceristas que visitan Vilagarcía. O Porto arousán é o máis próximo á capital galega e historicamente as cidades estiveron sempre moi relacionadas. Pero tamén a comarca do Salnés ten moito que ofrecer, tanto desde o punto de vista paisaxístico como arquitectónico, cultural ou gastronómico, e en cada unha das súas poboacións o visitante descubrirá sen dúbida recunchos inesquecibles. Información adicional: www.vilagarcia.es/turismo
|
|
|